lunes, 18 de junio de 2012

BOLETÍN Nº 5 - DA PLATAFORMA POLA DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA DE LUGO

PLATAFORMA POLA DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA LUGO


BOLETÍN Nº 5 XUÑO 2012

De novo, a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Lugo (PDSP) elabora un boletín informativo para informar cun pouco de orde das múltiples decisións tomadas nos últimos meses polo Goberno Español e mais polo Goberno Galego, do que é presidente o Sr. Rodríguez Feijoo, decisións que teñen coma primordial obxectivo privatizar a sanidade pública e facer aínda máis difícil a vida aos colectivos menos favorecidos da nosa sociedade, é dicir, cidadáns con poucos recursos econó-micos, xóvenes maiores de 26 anos sen traballo, pensio-nistas,     enfermos crónicos, inmigrantes…

A PDSP de Lugo considera que o Goberno Galego e o campión do efecto “disuasorio”, xa que en Lugo, nalgunhas especialidades, estanse a dar citas médicas para o ano 2013, feito que desalenta e aflixe a calquera doente. Diante deste problema, é lóxico que os enfermos acudan ao servizo de urxencias do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), servizo dende o que, na maioría dos casos, son enviados ao seu domicilio e, outravolta, remitidos ao especia-lista, co que os doentes volven verse encadeados ás interminables listas de espera, así que, moi probablemente, diante das dores e dificultades da doenza que sufren e teñen que soportar, acudirán de novo o servizo de urxencias... Dramático!

A ninguén se lle escapa que con 301 camas que van estar pechadas no verán, os problemas, en lugar de resolverse, incrementaránse:

- Medrarán as listas de espera, alongarase o tempo de agarda para diagnóstico e tamén se retrasará a inclusión dos doentes nas listas de espera cirúrxica.

- Diante deste tan desolador panorama, o Sr. Xerente do HULA non ten reparo ningún en declarar que “Non hai demanda”. É obvio: a demanda está freada nas secretas listas de espera, agardando por consultas e probas auxiliares antes de chegar a unha diagnose. Acaso non sabe o Sr. Xerente que para ingresar no hospital e ocupar unha cama ten que existir previamente unha diagnose, para o que é imprescindible acudir a consulta do especialista e realizar unha serie de probas auxiliares?

Na área sanitaria de Lugo esta é, neste momento, a dramática realidade, realidade que a
propaganda institucional do goberno galego nega, facéndolle crer á cidadanía que o HULA é un espazo sanitario moi activo no que hai conferencias, congresos, reunións e incluso exposicións (algunhas financiadas por unha empresa farmacéutica de dubidoso interese para a cidadanía) na entrada do Hospital .

Mais, a verdade é ben distinta:

- As listas de espera medran

- Non hai substitucións do persoal sanitario e non sanitario

- Seguen e increméntanse os peches de camas

- Diminúen os días de descanso dos traballadores por orde do goberno do Sr. Núñez Feijóo.

En relación co tema dos novos servizos do hospital, séguese a engañar aos lucenses:

ocúltaselles, por exemplo, que no DOGA do 9 de marzo do 2012, sae a concurso a formalización da obra de remodelación para unha nova Sala de Hemodinámica no Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS). É dicir: mentres no CHUS, de Santiago, van instalar a 2ª área de Hemodinámica, no HULA, de Lugo, aínda non temos a primeira.

Convén non esquecer que na inauguración do HULA, en novembro do 2010, o Presidente de Xunta e mais a Conselleira de Sanidade (naquel momento, a Sra. Farjas) fixeron a promesa de que no intervalo dun ano, o Hospital de Lugo contaría cos servizos de Hemodinámica e

Radioterapia, que xa figuraban no proxecto inicial. O Sr. Xerente do Hospital e os políticos lucenses do PP deberían dar explicacións aos cidadáns lucenses sobre este tema.

En Atención Primaria a situación non mellora, senón que está cada vez peor:

Non hai substitucións de médicos, nin por baixas, nin por vacacións, o que xera sobrecarga laboral dos compañeiros e incremento das listas de espera para ir ao médico de cabeceira.

Os facultativos de atención primaria enfróntanse cada día a situacións realmente comprometidas. Cando derivan doentes a atención especializada, encóntranse con longas listas de espera nas especialidades, feito que os obriga a facerse cargo dos pacentes e das súas patoloxía, en moitas ocasións importantes, durante os meses que tardan en ser vistos polos especialistas. E estes traballos, imprescindíbeis, dificultan a súa práctica médica ordinaria.

Cada vez é máis pequena a capacidade resolutiva da Atención Primaria, o que xera máis esperas en especialidades e maior frustración dos profesionais, que ven con impotencia a situación.

Por último, non podemos rematar o boletín, sen facer unha breve análise das graves consecuencias que vai a ter na nosa provincia a aplicación do decreto ley 16/2012 do 20 de abril, que refrenda para todo o estado español “os recortes sanitarios”.

En primeiro lugar; Lugo ten un total de 119.876 pensionistas cunha pensión media de  616,7 €, pensionistas que van a ter que pagar os medicamentos segundo o tramo de renta, como mínimo 8 € cada mes, e como máximo 18 €. Na nosa provincia os problemas medran: á poboación envellecida e ás pensións baixas, haberá que engadirlle o pago de medicamentos, o pago de próteses, o pago de transporte sanitario non urxente (enfermos en diálise, rehabilitación, radioterapia, etc.), é dicir, cada vez máis dificultades para os nosos maiores.

En segundo lugar, o decreto anula a prestación sanitaria para os extranxeiros en situación irregular. Isto traerá graves consecuencias para estas persoas, porque que estando enfermas se lles vai negar a asistencia sanitaria. E ademais, tamén se verá afectada o resto da cidadanía, que se pode ver exposta a contaxios de enfermedades, que non estean debidamente tratadas, xa que os inmigrantes sin dereito a asistencia poden deixar de acudir aos centros de saúde ao estar en situación de “ilegais”.

Dende a PDSP queremos lembrarlle a todos os sanitarios o do Xuramento Hipocrático, que obriga a atender aos enfermos por encima de calquera outra consideración.

En próximos boletíns teremos ocasión de seguir desenvolvendo o tema dos recortes xa que son numerosos e tamén afectan ós xóvenes maiores de 26 anos e sin traballo que quedarán sen dereito a asistencia sanitaria, e terán que acreditar a súa falla de ingresos se queren seguir disfrutando da sanidade pública. Tamén estaremos atentos a ver como evoluciona a última “perla” que saíu da boca do Sr. Núñez Feijóo, en canto ao pago da comida nos hospitais por parte dos enfermos.

A PDSP chama a todos os cidadáns a unirnos e movernos xunto as organizacións que
loitan para que non nos sexa arrebatada a Sanidade Pública que daba cobertura a todos os cidadáns, sen excepcións nen exclusións, en igualdade de condicións.

Asemade, rexeitamos a voracidade das empresas privadas e dos políticos cómplices, que queren facer negocios coa sanidade, coa nosa saúde e cos nosos cartos.

Lugo, 11 xuño do 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario