miércoles, 19 de febrero de 2020



Sobre as novas propostas de uso para o edificio de S. Fernando e o concepto de museo no século XXI 

Pasados xa varios anos sen que aquel compromiso da Xunta se fixera real, sorprende agora enormemente a manobra de idear cada día novos usos para o citado edificio, algún deles - como o dun uso hostaleiro como parador - que, como ben dixeron autorizadas (antes e agora e entre outras, moitas voces de historiadores e arquitectos) mesmo sería incompatible co máximo grao de protección que esixe o edificio como BIC que é, pois obrigaría a unha agresiva compartimentación e reestruturación de espazos de traza histórica e, por tanto, dignos do maior respecto.
Pero é que, ademais, para adxudicar novos usos, esgrímese unha presunta política de centros museísticos ou xenericamente culturais que resulta enganosa e falaz, pois esquece as necesidades e demandas patrimoniais, e máis especificamente arqueolóxicas, da cidade de Lugo, antes e agora. É dicir, as “novidosas” propostas entenden a planificación museística como se fose un sinxelo e caprichoso xogo de taboleiro, sen teren en conta as tres funcións básicas deste tipo de centros, é dicir: a conservadora (coas imprescindibles condicións de almacenaxe seguro, a maiores dos traballos de restauración, de ser o caso), a  investigadora e científica (que inclúe, entre outros, os labores de inventario e catalogación), e a divulgadora ou comunicadora por medio da exposición museográfica (cun especial papel para o traballo didáctico e social a todos os niveis). Funcións e desempeños todos estes que, por razóns obvias, non se poden levar a cabo e compatibilizar no espazo dun mesmo edificio no que se se pretende desenvolver unha función prioritariamente hostaleira.
E por suposto, aquelas propostas evidencian igualmente un total e absoluto descoñecemento da cantidade e, en moitos casos da calidade (e mesmo en ocasións da súa fraxilidade) dos fondos patrimoniais xa existentes ou previstos ou aínda por aparecer, maiormente os de carácter arqueolóxico, sen necesidade de mencionar os restos in situ que xa se conservan no ámbito do edificio do antigo cuartel.

MVRO, Plataforma en Defensa do Museo da Romanización en San Fernando.

No hay comentarios:

Publicar un comentario