martes, 18 de febrero de 2020


Sobre a necesidade dun edificio para o Museo da Romanización en Lugo

 Cando o antigo cuartel de S. Fernando xa estaba declarado Ben de Interese Cultural (Decreto 359/2009 de 9 de xullo, DOG 23-7-2009) e xa estaba decidido o seu destino como Museo da Romanización, para o cal a Xunta convocou no seu día (2010) un concurso de proxectos que tivo un equipo adxudicatario (aínda que logo fora recorrido por outro equipo distinto), pasouse a unha etapa na que, ben aducindo a crise económica ou ben, e tamén, por desacordos políticos ou por un xeneralizado desleixo e despreocupación polos temas culturais e patrimoniais, o certo é que aquel proxecto pareceu abandonarse.
Hoxe, cando todo semellaba ben encamiñado para solucionalos, varios problemas persisten no patrimonio lucense (en especial o arqueolóxico), a saber: en primeiro lugar, o perigo de que se perda un edificio histórico singular e BIC; en segundo lugar, que o Museo e Centro da Romanización da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico non teña un sitio adecuado para a súa instalación, e en terceiro lugar, pero non menos importante senón ó contrario, que as inxentes cantidades de materiais arqueolóxicos do Lugo romano e mesmo da provincia lucense non teñan un destino nin unha situación axeitada tanto desde o punto de vista patrimonial como no do seu uso cultural e social. Convén lembrar a este respecto que agora, e por falta daquel Centro en Lugo, todos os achados arqueolóxicos da provincia (cidade  incluída) deben depositarse no Museo do Castro de Viladonga (de xestión autonómica, en Castro de Rei) que, obviamente e dado que non ten espazo físico suficiente por non ser tal depósito a función para a que se creou, ten que xestionar en Lugo, cos problemas que iso supón, un local cedido pola propia Xunta.

MVRO, Plataforma Pro-Museo de la Romanización 

No hay comentarios:

Publicar un comentario